Wednesday 01 de May de 2024

Substitución dunha ponte de acceso ao lugar de Entre os Ríos


Na parroquia pobrense de Santa Cruz de Lesón estase acometendo a reposición dunha ponte de acceso ao lugar de Entre os Ríos, ao tempo que se modifica lixeiramente a situación desta estrutura coa finalidade de acomodar mellor a dirección da vía. Ata o lugar desprazouse o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), acompañado de Andrés Fernández, arquitecto técnico de Cota Cuatro, estudio encargado da redacción do proxecto.

Segundo explicaron, a actuación supón a demolición completa do actual viaduto para executar un novo conformado por zapatas e muros de formigón armado en ámbalas marxes do río das Pedras e a colocación de lousa maciza de formigón armado. Contará tamén cun extradorso de cachotaría nos muros de formigón e dotarase dunha varanda de plástico reciclado que imita a madeira, que proporciona unha nova estética acorde coa contorna natural na cal se atopa.

Así mesmo, no novo deseño amplíase o ancho total da pasarela para posibilita-la diferenciación entre a zona de tráfico rodado, que seguirá sendo dun único carril, e a zona destinada a peóns e peoas.

A intervención está sendo executada por Excavaciones Nima e comporta un investimento de 27 076’81 euros, IVE incluído, con cargo aos orzamentos municipais. Estímase que as obras conclúan a finais do presente mes.